Este mestrado configúrase como unha especialización dos graos e mestrados impartidos nas Facultades de Ciencias da Educación de Galicia. A proposta de implantación para o curso 2018-19 daría continuidade, por unha banda, aos estudos de grao, para que o alumnado opte por unha maior especialización e/ou queira completar a súa formación coa culminación dunha tese doutoral. Ademais podería acoller a profesionais que proveñan das antigas titulacións de Maxisterio, e que poderían ampliar e perfeccionar os seus coñecementos no contexto da súa formación como docentes.

O Mestrado Universitario en investigación e innovación en didácticas específicas para Educación Infantil e Primaria proporciona formación especializada para o desempeño profesional tanto en ámbitos directamente relacionados coa educación, e máis en concreto co ensino regrado, como en ámbitos das industrias culturais e de educación non formal, vinculadas a sectores estratéxicos de Galicia.

A conxuntura económica e social actual, que aínda que é certo ofrece perspectivas non moi alentadoras a curto prazo no que se refire á inserción laboral, tamén leva a unha esixencia maior na formación de profesionais e non pode impedir unha visión integral dos perfís e ámbitos de actuación cada vez máis diversificados e, por tanto, que ofrecen máis posibilidades para a inserción laboral do estudantado universitario.