Aínda que non é indispensable posuír unha formación pedagóxica asociada con exclusividade a unha soa titulación para cursar o mestrado, sí existen algunhas características que se consideran adecuadas para cursar estes estudos

Capacidades

Curiosidade científica, gusto polo estudo e a lectura, capacidade para a aprendizaxe autónoma e colaborativa, habilidades para a comunicación interpersoal, capacidade de análise e razoamento crítico, conciencia sobre aspectos sociais e educativos como a sustentabilidade e igualdade, compromiso ético e democrático cara aos diferentes ámbitos profesionais en consonancia coa sociedade do século XXI, por definición, cada vez máis diversa e multicultural.

Coñecementos previos

Poderán acceder persoas que desexen proseguir os seus estudos no ámbito do coñecemento socio-educativo e/ou queiran especializarse nalgunha das temáticas do mestrado. Este mestrado tamén podería interesar a persoas tituladas noutras disciplinas que estivesen a desempeñar a súa actividade profesional en contextos socio-educativos e que desexasen obter unha formación específica nalgunha das áreas de coñecemento implicadas neste mestrado.

Linguas a empregar no proceso formativo e nivel esixido

Un dos obxectivos marcados polos plans de Normalización Lingüística das Universidades galegas é propiciar que o galego sexa a lingua habitual de comunicación, de expresión e de traballo da comunidade universitaria. Neste sentido, establécese que os centros, os departamentos, as dependencias administrativas e de servizos, teñan como lingua de uso o galego. Así mesmo, os documentos que os departamentos e as entidades institucionais elaboren: as memorias, as actas, as comunicacións oficiais para os taboleiros de anuncios, os programas das materias, etc., redactaranse en galego. Debido a iso, solicítase do estudantado que posúa un suficiente dominio de calquera das dúas linguas oficiais da comunidade autónoma galega. Ademais, cabe indicar que a referencia á capacidade para comunicarse por oral e por escrito en lingua galega inclúese concretamente na Universidade de Vigo como competencia transversal.